| Inicio | Os Xefes | O grupo | A requinta | O disco | Concertos | A taberna | Sinaturas | Novas | Ligazóns | |
Os Xefes
|
![]() ![]() No ano 1937, no lugar de Ximonde (San Miguel de Sarandón, Vedra) nace Marcelino Pedro Fernando Brey Vázquez, Marcelino de Muiñeiro, que xa de rapaciño, se traslada a vivir con seus tíos á aldea de Sarandón, onde dous anos despois, no 1939, nace José María Alvela Canicoba, Pepe de Nande. Así, veciños ambos, medran como dous rapaces que xa dende os seis ou sete anos comezan a súa andadura cara o mundo da requinta. Neses anos, case tódolos nenos posuían un pínfano ou unha frauta xa que, como eles din, "non había outro divertimento". Para conseguir o seu primeiro pínfano, Marcelino tivo que llo pedir ós reis. A súa tía, que ía regularmente a Compostela a vender froita, achegouse a mercarllo a "unha tenda que había na Praza do Toural onde se vendían pínfanos, frautas e gaitas". A el xa lle levaba idea a requinta porque lla escoitara tocar ó seu pai, Pedro Brey, líder do grupo A gaita de San Miguel, tamén coñecido como o Quinteto Gallego denominación esta que Marcelino non lembra, pero que aparece recollida en ata tres artigos do xornal estradense La Palanca de actualidad no ano 1935. ![]() Pepe non o tivo tan doado xa que tardou máis en convencer a súa nai para que lle mercara un pínfano ou unha frauta. Finalmente, ela accedeu a lle mercar un pínfano de dous pechos que lle custou tres pesetas, xa que unha frauta valía cinco pesetas. A adquisición realizouna na feira de Lestedo nun posto onde unha parella, ademais de vender pínfanos e frautas, cantaba historias de cego. Pepe, que contaría con seis ou sete anos de idade lembra que era no Nadal porque cando llo mercaron xa foi tocando ata casa e cando chegou "xa non tiña tentos nos dedos do frío que ía". Dende ese intre, cada vez que ían coas vacas, Pepe e Marcelino púñanse de acordo para ir un preto do outro e así poder tocar. "Unha vez estabamos tocando e escapáronnos as vacas para as leiras dos veciños e cando chegamos á casa houbo vareadas para as vacas e para nós". As pezas que aprendían eran as que escoitaban cantar na feira ou tocar á banda de música de Riveira a Vella. Conta Pepe que "nós oiámoslle tocar unha peza a unha banda de música e para o outro día xa a estabamos tocando desde que nos levantábamos".
Logo a Marcelino rompeulle o pínfano e pediulle unha frauta de tres pechos ós reis, que tamén lle trouxeron. Durante todo o ano, o pínfano ou a frauta era o divertimento que tiñan pero do que máis gustaban era cando chegaba o Nadal, xa que se xuntaban tódolos nenos do lugar e ían tocando e cantando por toda a parroquia por simple diversión, xa que nunca pediron aguinaldo. ![]() Anos despois a Marcelino, estando coas vacas, esqueceulle a frauta debaixo dun carballo e nunca máis volveu atopala. O seguinte instrumento que lle chegou ás mans foi unha requinta que lle deixou seu pai ao marchar para Bos Aires con varios de seus irmáns. Marcelino "O Barbeiro", gaiteiro do grupo A gaita de Vedra, "deume as notas da requinta". A dixitación e o xeito de tocar son totalmente diferentes ós da frauta e dende ese intre comezou a ensaiar con ela. Pepe marchou de once anos traballar para a casa de Domingo de Castelao, para chamarlle os bois e labrar, e foi alí onde lle prestaron unha requinta de madeira de hedra ,que estaba fendida na embocadura e no barrilete. Sen embargo, el, "era novo e tiña forza abondo para face-la sonar". Foi Marcelino de Muiñeiro quen lle "dou as notas" e Pepe comezou a ensaiar en solitario. Ós quince anos deixou de traballar nesta casa e tivo que, moi ó seu pesar, devolverlles a requinta. |
| Sobor da web... | © A gaita de Sarandón, 2006 | Visitas: 13565 |