| Inicio | Os Xefes | O grupo | A requinta | O disco | Concertos | A taberna | Sinaturas | Novas | Ligazóns | |
Os Xefes
|
![]() Eran estas unhas datas nas que practicamente toda a parroquia se involucraba para argallar un dos mais grandes eventos de todo o ano. Normalmente, era o presidente da comisión de festas o encargado da organización do día das Máscaras e, cos cartos que se recadaban, traíanse gaiteiros e unha banda de música para a festa. Todo comezaba cun toque de corneta dende o "Monte do Antroido", que servía de reclamo para que a xente se achegara ata alí para distribuí-las tarefas. O toque de corneta facíase "oito ou quince días antes do Antroido pola tardiña" e podíase facer un ou varios días dependendo da xente que se xuntara. Logo, acordaban quenes ían de correos, quenes de xenerais, quenes na Parranda, no escuadrón militar... Xa ó día seguinte, comezarían os ensaios. ![]() A Parranda estaba formada por tres coros, o dos vellos, o dos mozos e o dos nenos. Pepe e Marcelino foron moitos anos os directores dos coros dos nenos e dos mozos respectivamente. O seu traballo consistía en inventar ou recompilar as coplas, ensaia-las voces e dirixir os coros no día das Máscaras. Os Xenerais e os Correos, aínda que improvisaban grande parte das coplas á hora de face-lo atranque, levaban xa algunhas feitas. O Escuadrón militar comezaba tamén a facer instrución para aprender a leva-lo paso. Un dos grandes problemas era o de se facer coa roupa; a dos Xenerais e Correos, había que recolle-la polas casas onde estaba gardada, sendo habitual que parte de ela se extraviara dun ano para outro. Logo a dos coros íase pedir incluso á Estrada ou, se non se atopaba, había que ir a alugala a Santiago. O Escuadrón tamén tiña que se facer con uniformes. Cando chegaba o día das Máscaras, xuntábanse todos no campo da festa ás doce da mañá xa que a parroquia era grande e había que facela toda a pé. ![]() Diante saían os Correos, logo ían os Xenerais a cabalo, coas casacas de pano con lazos e condecoracións. Sombreiros altos engalanados con plumas e flores e sempre cun sable ou bastón con empuñadura de prata. Seguíaos o Escuadrón Militar con uniforme e gorra de prato e todos con fusiles de madeira e detrás a Parranda e os gaiteiros. Normalmente estes gaiteiros eran Marcelino "O Barbeiro", Luís Neira ou Pazos e ían tocando polo camiño. Lembra Pepe que un ano que ía disfrazado, non había quen tocara e un veciño ofreceu "cinco pesos se houbera unhas gaitas". Non o dubidou. Buscou quen tocara a percusión, e cambiou o disfraz pola gaita. Algún ano, tiña xa ido de director do coro e tocando a requinta ó mesmo tempo. Todos eles ían acompañados polos "entruidos barreduiros", que se disfrazaban con mandilóns ou trapos vellos e levaban escobas de xestas, normalmente as de varre-los fornos, e que incluso teñen levado as pas de saca-lo pan. Estes entruidos ían mesturados no desfile, sen gardar ningún tipo de formación e meténdose con todo aquel que se achegaba a ve-las Máscaras. Cando se atopaban con algún veciño polo camiño, os Xenerais cantábanlle "os vivas", recitados con esa tan particular entoación que aínda hoxe se conserva en zonas da Ulla. Un exemplo da estrutura dos vivas pode ser: General: ¡¡Atención señores digan todos a mi voz!! Coros: ¡¡Viva!! ![]() General: ¡¡Viva la gente de su mayor aprecio!! Coros: ¡¡Viva!! General: ¡¡Viva la gente que nos mira y rodea!! Coros: ¡¡Viva!! General: ¡¡Vuelvo y repito!! .... Nos "vivas" podíanse aportar ademais datos como o lugar de nacemento, nomes de familiares, oficio, etc. e despois destes vivas o aludido, agradecido, correspondíaos cun donativo. Cando chegaban ós lindes da parroquia, os correos saían diante a pedir licencia para face-lo atranque. Do outro lado, da outra parroquia, saía un home a cabalo ou nun burro e comezaban unha disputa verbal que sempre era rimada. Esta disputa podía comezala un dos correos para despois dar paso ó resto de correos, a un ou máis Xenerais, e incluso o cabo do Escuadrón, ó cal se lle podía ceder un cabalo para que montado nel se enfrontase ó atranque. Logo do atranque comezaban a canta-los coros, primeiro o dos Vellos, logo o dos Mozos e logo o dos Nenos. O Coro dos Vellos era o único no que se levaba a cara tapada e no que se cantaban as coplas mais picantes. Así seguían ata percorrer toda a parroquia e xuntar cartos dabondo para face-la festa. Ó outro día xuntábanse os caixeiros, que eran os encargados da recadación, os directores dos Coros, o Cabo do Escuadrón e algún veciño máis na casa do Xeneral 1º para face-las contas. Era outro día de festa xa que "ese día corría o viño e as orellas". Unha vez feito o reconto, comezaba a música e remataban todos bailando. Lembran tamén Marcelino e Pepe de cando eran nenos, que o martes se facía baile no Monte do Antroido e tocaba A gaita de San Miguel. Este baile comezaba ás seis ou sete do serán e prolongábase ata as once da noite. Ó remate do baile, e para poñer fin ó Antroido, facíase "a queima do pino", polo que tódolos veciños agardaban ata ese intre. Para isto, previamente tiñan que cortar un pino e logo "plantalo" no medio do campo. Despois este forrábase con palla e no bico púñaselle unha ola con resina dentro. Ó lle por lume, o primeiro en queimarse era a palla, para logo acenderse a ola e quedar esta ardendo, dándolle o adeus ó Antroido ata o vindeiro ano. |
| Sobor da web... | © A gaita de Sarandón, 2006 | Visitas: 13566 |