| Inicio | Os Xefes | O grupo | A requinta | O disco | Concertos | A taberna | Sinaturas | Novas | Ligazóns | |
Os Xefes
|
A Marcelino "O Barbeiro" sempre lle gustaron as requintas e por iso, sabendo que Marcelino de Muiñeiro a tocaba, o chamou para ensaiar con eles. Os ensaios eran tódalas noites na casa do Barbeiro, en Vedra, oito ou quince días antes dunha "función" e aprendían as pezas que lle escoitaban a bandas de música como a de "Riveira a Vella". Precisaban un repertorio extenso, xa que normalmente as "funcións" eran de longa duración. A primeira actuación na que tocou Marcelino de Muiñeiro foi en Santo Andrés de Illobre (Vedra), cando tiña uns catorce anos. Lémbrao porque daquela tódolos rapaces andaban de pantalón curto e a el para esa ocasión, e sendo xa un mozo, mercáronlle un pantalón de perna longa. ![]() Tocou uns anos neste grupo, con Bascoi na outra requinta, ata que polos dezaoito anos comezaron a gustarlle as mozas e xa lle gustaba máis bailar que tocar. Conta Marcelino que nunha ocasión, na zona de San Xián de Sales, mentres estaban tocando a xente comezou a lles tirar pedras e tiveron que liscar de alí sen acaba-la "función". Isto puido ser debido a que o público quería unha "música" e non unha "gaita". Cando Marcelino deixou de tocar, Bascoi foi chamar a Pepe de Nande para substituílo. Daquela Pepe íalle buscar alugada unha requinta a Isidoro de San Mamede, ata que ó fin decidiu mercarlla polo custo de trinta pesetas. Isto era o que cobraba o grupo por unha actuación pero, ó non ter demasiadas "saídas", non gañaba nunha tempada para ela. Esta requinta tiña os furados "case cadrados" de andarlle furgando coa navalla e non acadaba unha boa
afinación polo que, no ano 57, e seguindo o consello do "Barbeiro", decidiu encargar unha no taller de
García de Riobó, que lle entregaría no prazo de tres meses por 250 pesetas. Esta é a requinta que conserva
aínda hoxe e é coa que realizou a gravación deste disco (o resto de requintas que se empregan no grupo son
reproducións da de Pepe realizadas polo artesán Oli Xiráldez). Con este grupo fixeron actuacións en Santa María de Paradela, en Teo, no Burgo en Vedra, etc. "No Burgo poñíannos unha cuarterola de viño para face-la función", que viña sendo un cuarto de ola, "e había que darlle para bebela toda". Pepe deixou de tocar cando foi cumprir co servizo militar e á súa volta, e traballando en Santiago de chófer, aínda se achegaba en bicicleta a Vedra a ensaiar para algunha "función". Este grupo desfaise ó pouco tempo cando Pepe o deixa definitivamente e Marcelino "O Barbeiro" non pode tocar máis debido a unha enfermidade. Despois disto, Marcelino, Pepe e un grupo de amigos continuaron xuntándose para ir de cantarelas no Nadal. |
| Sobor da web... | © A gaita de Sarandón, 2006 | Visitas: 13566 |