A requinta

A requinta, este instrumento de nome tan sonoro e propiamente galego, non é senón unha simple frauta traveseira. E, ademais, e pese a ese tan galaico nome, pódese dicir que, alomenos en parte, é unha frauta importada, unha frauta traída do estranxeiro. Por que, logo, é tan importante na Ulla unha simple frauta traveseira vida de fora?

Vaiamos ós poucos. Non se deixe asustar polo que de seguido vai a ler pero, se nos pedisen unha definición máis ou menos formal do que é unha requinta, diríamos algo semellante a isto:

Frauta traveseira de corte clásico dividida en cinco pezas, construída en madeira e anelada habitualmente en metal, con calibre cónico inverso, e dotada de corredeira e tapón de afinación e dunha única chave, a coñecida como de Re #, no extremo distal do instrumento. Afina en Fa # (ou ocasionalmente en Sol) e proporciona unha escala destemperada de Si maior (Do no caso das afinadas en Sol) a partires da postura de Sol da frauta na escala aguda e coa chave pisada.

Requinta que fora propiedade de Evaristo Caramés Neira (San Mamede de Ribadulla)

Non é tan complicado como pode semellar nunha primeira lectura. Creo que podemos supoñer que o lector sabe o que é unha frauta traveseira, así que xa témo-lo primeiro paso. Con de corte clásico faise referencia a que a requinta toma como patrón de construcción ás chamadas frautas clásicas, que non son senón aquelas que foron construídas aproximadamente entre os anos 1726 e 1847 e que, como a requinta, teñen calibre cónico inverso, tapón e corredeira de afinación e chave de Re # (as frautas clásicas chegaron a ter moitas máis chaves, pero esta foi a única que sobreviviu na requinta). Estas frautas, as clásicas, son inmediatamente anteriores ás frautas Böehm (que son esas frautas metálicas cheas de chaves que se empregan hoxe en tódalas bandas e orquestras do mundo) no que poderiamos chamar a escala evolutiva das frautas traveseiras.

Así como as frautas evolutivamente posteriores ás clásicas se coñecen como frautas Böehm, as anteriores reciben o nome de barrocas, e as anteriores a estas, renacentistas. As frautas renacentistas tiñan calibre cilíndrico, é dicir, que o oco interno do instrumento tiña o mesmo diámetro todo ó longo do mesmo. Nas frautas barrocas mudou o deseño e optouse por que o calibre interno das frautas fose cónico inverso, é dicir, que fosen máis anchas nas zonas próximas a onde se produce o son e máis estreitas nas máis afastadas. É esta unha característica moi peculiar das frautas traveseiras, dado que lles acontece xusto á inversa que ó resto dos instrumentos de vento. Unha trompeta ou o punteiro dunha gaita, por exemplo, son moi estreitos na zona onde se produce o son e moito máis anchos segundo nos apartamos desta zona.

Tres requintas coas corredeiras de afinación en posicións distintas, para aprecia-la súa funcionalidade

A corredeira e o tapón de afinación para a frauta traveseira, ós que nos levamos referido xa dúas veces, foron introducidos en Inglaterra por Richard Potter en 1785 (algúns autores atribúenlle tamén non só a súa introducción nas illas británicas, senón tamén a súa invención) e supuxeron unha grande mellora na afinación deste instrumento. A corredeira consiste simplemente na división da embocadura en dúas pezas e na colocación en cada unha delas dun tubo metálico de finas paredes, de xeito tal que os tubos encaixen o un no outro e sexa posible desprazalos, podéndose así xuntar ou separar esas dúas pezas e, deste xeito, afinar.

Tapón de afinación dunha requinta construída por García de Riobó

O tapón de afinación é tamén un mecanismo sinxelo. A idea consiste en facer que o elemento (habitualmente un anaco de cortiza) que vai dentro da embocadura da frauta para pechala no seu extremo proximal sexa móbil coa axuda de, por exemplo, un simple parafuso enganchado a este elemento e a unha pequena peza de madeira que queda fora da embocadura. Dese xeito pódese varia-la posición do mencionado elemento e, consecuentemente, tamén a afinación da frauta (aínda que existiron requintas que carecían deste tapón móbil e tiñan tan só un tapón de cortiza fixo e unha simple peza de adorno no extremo da embocadura, a maioría dispuñan do mesmo e por iso decidimos incluílo na definición de requinta).

Frautas comas estas que vimos de describir eran moi habituais por toda Europa (especialmente na Gran Bretaña, Alemaña e Francia) a finais do século XVIII, sendo alí empregadas na música culta por executantes profesionais. Crese que deberon de chegar á Ulla a comezos do s. XIX, pensándose nas tropas napoleónicas como un dos probables axentes portadores deste marabilloso virus musical chegado á Ulla.

E dicimos virus porque estas frautas traídas de fora foron nalgún momento adaptadas para o seu uso conxunto coas gaitas da zona da Ulla (na súa maioría dunha afinación próxima ó Si natural), espallándose entón rapidamente por todo o val, onde foron incorporadas ás formacións de música tradicional xa existentes, facéndoo ademais con tal forza e personalidade que estas formacións, moi habitualmente denominadas gaitas na Ulla (dicíase a gaita de tal sitio no canto de o grupo de gaitas de tal sitio), pasaron en moitos casos a ser coñecidas como requintas (e pasou entón a se falar de a requinta de aquí e de a requinta de acolá).

O grupo A requinta de Carcacía, un dos que adoptaron o nome do instrumento para  bautizar tamén á formación

Pero volvamos ó comezo. Non se sabe con exactitude que fixo chegar á Ulla este tipo de frautas. Dado que se sabe que os batallóns franceses empregaban naquel entón frautas semellantes a estas e se ten coñecemento de que esas tropas non só libraron batallas en terras da Ulla, senón que moi probablemente houbo soldados que, unha vez rematada a guerra (1808-1813), decidiron non regresar ó seu país e se afincaron en terras da Ulla, barallámo-la hipótese de que as trouxesen as tropas napoleónicas.

Son sen embargo igualmente válidas outras posibilidades. A catedral de Santiago de Compostela, por exemplo, dispuña naqueles anos dunha capela de música formada por músicos profesionais procedentes de toda Europa, e que accedían ó seu posto por oposición. A documentación conservada no arquivo catedralicio reflicte a celebración de oposicións ó posto de frautista nos anos 1744 e 1750. É moi probable que houbese entre as frautas alí empregadas as houbese semellantes ás que deron lugar á requinta. Sen embargo, aínda supoñendo que esta última hipótese puidese ser válida, ¿como chegaron ata os ulláns de a pé esas frautas inicialmente en poder de músicos profesionais, na súa maioría estranxeiros?. Sigámo-la nosa historia.

Non se pode coñecer de certo quen foi a primeira persoa que provocou nesas frautas clásicas chegadas á Ulla os cambios que as converteron en requintas. Pero si se pode da-lo nome de quen ten moitas probabilidades, de ter sido, se non o seu inventor, si case sen dúbida o seu primeiro productor: o primeiro artesán constructor de requintas.

De Antonio García de Oca (1820-1872) sábese que construía gaitas no seu taller de Riobó (A Estrada) e que participou na "Exposición de los Productos Agrícolas" celebrada en Madrid no 1847. Ademais, das mans dos herdeiros do taller do Sr. Antonio, o seu fillo Joaquín García García (1856-1934) e máis tarde o neto deste, Joaquín Espiño García (1920-1976), saíron case a totalidade das requintas que existiron e existen na Ulla. Dado que o Sr. García de Oca era a mediados do s. XIX un artesán de renome, como da fe o feito de que fose chamado a Madrid para unha exposición, cabe a posibilidade de que as frautas empregadas na catedral de Santiago das que antes falamos fosen levadas ó taller deste ante a necesidade de calquera eventual reparación e que alí el reparase na posibilidade de empregar con gaitas este tipo de frautas. Estamos, unha vez máis, ante unha simple hipótese.

Dous exemplos de sinaturas dos artesáns da familia García en requintas saídas das súas mans

O taller dos García é hoxe propiedade de Joaquín Espiño Martínez, fillo de Joaquín Espiño García, que segue a fabricar gaitas, pero non requintas. Si as fabrican Oli Xiráldez e Carlos Rodríguez Feijoo (Taller CROF), nos seus talleres de Balcaide (Teo) e Berres (A Estrada) respectivamente.

De onde provén o nome de requinta?. Para Enrique Montero, autor do ata agora único estudio publicado sobre este instrumento (A requinta na Ulla, editado pola Deputación de Lugo en 1993, esgotado en pouco tempo, e ata agora non reeditado, pese ó seu evidente interese), o termo pode provir do feito de que a requinta se emprega tan só nas escalas aguda e sobreaguda do instrumento, correspondentes ás notas existentes a partires das da oitava superior da gaita. Cando empregan este rexistro do punteiro, os gaiteiros din que están requinteando e o verbo requintear ou requintar indica o acceso a estas notas. Así, por analoxía, tería recibido a requinta o seu nome.

Veña ou non o nome deste feito, o certo é que é unha das características propias e diferenciadoras da requinta fronte ó resto de frautas que existiron e se tocaron tanto na Ulla como no resto de Galicia. Retomando a explicación da definición dada ó comezo, debemos de subliñar que na requinta se emprega só a escala de Si maior que se obtén entre as oitavas aguda e sobreaguda do instrumento. Emprégase só na escala de Si maior porque esta era a tonalidade (aproximada) das gaitas propias da Ulla. E emprégase só nas escalas aguda e sobreaguda porque, ó ser tocada conxuntamente con gaitas, o rexistro grave é demasiado tenue como para que unha frauta poida ser escoitada. Como a escala grave non ía a ser empregada, as variacións morfolóxicas que se lle practicaron ó instrumento para que puidese ser empregado coas gaitas non tiveron en conta este rexistro e descompensárono.

A requinta é, ademais, un instrumento cunha escala destemperada, é dicir, que non respecta os intervalos entre notas academicamente establecidos. Entre dúas notas entre as que deberiamos de, por exemplo, agardar un ton (un ton é a separación que de xeito académico se establece por exemplo entre as notas Do e Re) é habitual que non exista exactamente esa separación, podendo ser algo superior ou algo inferior dependendo do par de notas que observemos. Esta é unha característica moi habitual (case omnipresente) nos instrumentos tradicionais e, dado que está presente nas gaitas da Ulla, é normal que tamén o estea nas requintas, que foron adaptadas para ser tocadas con aquelas.

A tonalidade é outra característica definitoria deste instrumento. Sendo as máis habituais as requintas afinadas en Fa#, nas que se pode obter unha escala de Si, existiron tamén outras, as menos, afinadas aproximadamente en Sol (na música tradicional nada é exacto e, como non podiamos agardar intervalos exactos entre notas, tampouco podemos agardar unha tonalidade totalmente definida), podendo estas ser empregadas con gaitas de afinación próxima ó Do.

Como vemos, tanto no caso das requintas afinadas en Fa # como nas de Sol, non se empregaba a escala propia do instrumento, senón que se tocaba en Si natural no caso das primeiras e en Do no das segundas. Non entraremos en fonduras de teoría musical a este respecto. Simplemente comentaremos que, para conseguir tocar estas frautas nunha tonalidade distinta á que lles é propia, faise necesario empregar complicadas posturas chamadas tranquillas que fan realmente difícil a execución.

A escala da requinta

O feito de ter que emprega-las escalas máis agudas e de ter que facer que a requinta se escoitase por enriba das gaitas, propiciou que os requinteiros optasen por técnicas agresivas de expulsión do aire e por xeitos peculiares de coidado do instrumento. Así, da observación dos vellos requinteiros que aínda viven e da audición das gravacións de grupos de requinteiros que se conservan, pódese observar que dan practicamente un golpe de aire por nota, empregando para isto a articulación coñecida como ‘tu’ (expúlsase o aire dispoñendo a cavidade bucal de xeito semellante a cando se pronuncia esta sílaba, é dicir, situando a lingua entre os dentes e retirándoa subitamente para deixar saí-lo aire), dando só varias notas por cada expulsión de aire en pasaxes rápidas. A cantidade e, sobre todo, a velocidade do aire expulsado son ademais polo xeral moi elevadas, polo que se consigue unha alta intensidade de son.

Por outro lado, entre as técnicas de coidado do instrumento aplicadas polos requinteiros, figura sempre o adobado, isto é, o baño do calibre interno da requinta con viño, caña (augardente) ou incluso auga. Deste xeito conseguen que a madeira inche, pechándolle así o poro e minimizando a cantidade de aire que teñen que expulsar para que as notas soen coa afinación e intensidade necesarias. Era tamén habitual que cando a requinta era nova, se lle fixese unha rodaxe consistente tamén no baño do seu calibre interno pero, neste caso, empregando aceite de fritir morno.

O Pabero de Orazo nunha foto editada en 1916 no xornal El Eco de La Estrada

Non podemos rematar sen falar un pouco acerca das distintas formacións nas que se utilizou a requinta. É moi probable que, cando a requinta comezou a ser empregada polos músicos tradicionais da Ulla, estes adoptasen a formación de cuarteto cos instrumentos seguintes: unha gaita, unha requinta, un tamboril e un bombo. Sen embargo as formacións de requinteiros tampouco foron alleas ó fenómeno que supuxo a irrupción do dúo de gaitas introducido polos gaiteiros de Soutelo nos anos vinte. Foi case con seguridade a partires de entón cando os grupos de requinteiros adoptaron a formación de sexteto que chegou ós nosos días: dúas gaitas, dúas requintas, caixa e bombo. Se ben houbo outras formacións, estas foron sen lugar a dúbidas menos habituais e podemos dicir que incluso circunstanciais. O grupo coñecido como A gaita de Vedra, por exemplo, foi durante case toda a súa existencia un quinteto. Naceu, sen embargo, como un sexteto dos anteriormente mencionados e simplemente optaron por non incorporar outro gaiteiro ante a marcha para a Arxentina dun deles. Tamén ocasionalmente se empregaron as requintas con outros instrumentos como os acordeóns diatónicos ou os clarinetes e saxofóns. Os cantares de Nadal eran sempre un bo momento para este tipo de experimentos.

O grupo de requinteiros Airiños da Ulla, de Riobó (A Estrada)

Míticas agrupacions que incorporaron a requinta foron, por exemplo, Airiños da Ulla; A requinta de Lampai; A gaita de San Miguel; A requinta de Carcacía; Os gaiteiros de Albín; Os Cristovos, de Arnois; ou A gaita de Vedra.

Ademais de en A gaita de Sarandón a requinta é empregada hoxe en día en grupos como A requinta da Laxeira, integrado na Asociación Cultural San Campio, entidade que ofrece clases de requinta; ou A requinta de Xián, que ten xa publicado o seu primeiro disco, froito do seu traballo de investigación sobre este instrumento. Tamén se pode escoita-lo son da requinta en sendas pezas gravadas único disco do grupo Xamaraina, de Teo, no disco Caloeiriña das Bouzas de Pallamallada, e en Os Sons Esquencidos, de Pablo Carpintero.

Está tamén editado o documental "Requinteiros. Músicos da Ulla", realizado pola Asociación Raiceiros como froito do seu Proxecto de Recuperación da Requinta e no que se introduce ó espectador no mundo da requinta tomando como escusa a vida e inquedanzas dalgúns dos poucos requinteiros que hoxe hai. Pódese adquirir este documental a través da páxina web da asociación, www.raiceiros.org.

Sobor da web... © A gaita de Sarandón, 2006 Visitas: 13564