| Inicio | Os Xefes | O grupo | A requinta | O disco | Concertos | A taberna | Sinaturas | Novas | Ligazóns | |
O grupo
|
A historia do que remataría sendo o grupo A gaita de Sarandón vaise construíndo, como é frecuente, a partires dun cúmulo de casualidades. E como toda sucesión de casualidades, sempre é complicado establecer un punto de partida, pero ímolo a intentar. No ano 1993, publícase o libro A requinta na Ulla, e para a presentación do mesmo, Enrique Montero consegue que Pepe de Nande e Marcelino de Muiñeiro lle saquen o po á súa afección pola requinta e realicen por toda Galiza actuacións, no que sería o primeiro renacer da requinta. A formación que participa neses actos de presentación estabilízase e toma o nome de A requinta da Ulla. ![]() Tamén neses anos Enrique Montero, mestre de gaita no grupo de gaitas da Asociación Cultural San Campio, introduce neste grupo a requinta. Nela inícianse Diego García, Paco Vázquez, Gerardo Albela e Miguel Brey, fillo de Marcelino. Os tres últimos realizan a súa primeira actuación como requinteiros nas festas do San Campio dese ano 93 pero, por razóns diversas, o uso da requinta neste grupo mantense durante menos dun ano. Mentres, A requinta da Ulla seguía a realizar numerosas actuacións, e comeza incluso a gravación do seu primeiro traballo discográfico pero, antes de rematalo, Marcelino decide abandona-lo grupo, e a formación abandona os ensaios. Pasan uns anos durante os cales a requinta volve a estar de novo nun total e absoluto desuso, ata que un bo día, Paco Vázquez, que xa se iniciara coa requinta na A.C. San Campio, lle comenta a Pepe de Nande a posibilidade de se converter no seu alumno. Pepe acepta, e durante uns dous anos Paco e Pepe ensaian xuntos dúas ou tres noites por semana na casa deste último, ata que A requinta da Ulla se recompón con Pepe e Paco agora ás requintas. Sen embargo, xa desde pouco antes desta recomposición do grupo, Pepe e Marcelino viñan sendo reclamados para realizar actuacións de xeito conxunto e, para este tipo de funcións, comezaron a solicita-la axuda de Gerardo Albela, como gaiteiro, e tamén para procura-lo resto de músicos. Así, con Pepe, Marcelino, e normalmente tamén Paco ás requintas, e con Gerardo á gaita, fóronse sucedendo actuacións nas que participaron coas gaitas xente como Miguel Brey (fillo de Marcelino), Adrián Álvarez ou Héctor Rodríguez; co tamboril ou caixa, Juan, Ricardo Martínez, Alberto Aldrey, Anxo Chenlo ou Emilio Lois; e co bombo Mario, Iván García, Diego Rodríguez ou Santi Otero. ![]() No ano 2001 nace a Asociación Raiceiros que, interesada na cultura ullán en xeral, pero contando entre os seus asociados con xente como os xa mencionados Iván García, Héctor Rodríguez, Paco Vázquez e Gerardo Albela, decide centra-la súa atención na requinta e iniciar unha serie de traballos de investigación, estudio e difusión que denominan Proxecto de Recuperación da Requinta e que, entre outras moitas cousas inclúe a gravación dun documental centrado na figura de Marcelino e Pepe. Para a produción deste documental faise necesaria a gravación dunha actuación de Pepe e Marcelino e dunha banda sonora, loxicamente con música de requintas, para a cal se constitúe unha formación na que participan Pepe, Marcelino, Paco, Héctor, Gerardo, Iván e o tamén mencionado Emilio Lois, e á cal se une tamén coa caixa Raquel Iglesias. Estes dous últimos, asumindo o sacrificio que comporta achegarse a ensaiar á Ulla sendo residentes no coruñés municipio de A Baña, onde ademais o grupo realiza unha actuación en setembro de 2002, a modo de rodaxe para a súa actuación gravada e o seu posterior traballo no estudo de gravación. ![]() Unha vez rematado o documental, o grupo participa tamén na presentación do mesmo e, animados polo resultado obtido, deciden non só non abandona-los ensaios senón intensificalos e constituírse en formación estable. Dado que o seu obxectivo é o de recupera-lo espírito e o repertorio dos antigos grupos de requinteiros, e fundamentalmente dos que Marcelino e Pepe coñeceron, como A gaita de San Miguel (tamén Quinteto Gallego) ou A gaita de Vedra, o grupo decide bautizarse como A gaita de Sarandón, imitando así tamén no seu propio nome ós grupos ós que desexan imitar musicalmente. Por razóns laborais e persoais, Iván García non tarda en abandona-lo grupo e, despois dunha tempada nas que alternan as funcións de bombeiro e requinteiro Pepe e Gerardo, incorpórase ó grupo Beatriz Iglesias para se facer cargo do bombo. Nel permanece ata que o seu embarazo a obriga a abandonalo e, despois dun tempo con ese posto de novo vacante, remátase incorporando á formación Manuel Campelo. Hoxe, pois, e despois de tódalas idas e vidas, e dese cúmulo de casualidades que fixeron coincidir neste obxectivo común a unha morea de xente e finalmente a oito persoas, A gaita de Sarandón son: Marcelino Brey, José Alvela, Manuel Campelo, Raquel Iglesias, Emilio Lois, Paco Vázquez, Gerardo Albela e Héctor Rodríguez. Por moitos anos. |
| Sobor da web... | © A gaita de Sarandón, 2006 | Visitas: 13564 |