| Inicio | Os Xefes | O grupo | A requinta | O disco | Concertos | A taberna | Sinaturas | Novas | Ligazóns | |
O grupo
|
![]() Seis fillos curiosos e dous pais que, ás veces convencidos e outras desconcertados, tratan de responder ás preguntas. Seis alumnos atentos e dous mestres impartindo cátedra. Unha formación distinta, especial, na que conviven distintas xeracións, distintas formas de ve-lo mundo, distintas ansias e inquedanzas... unha chea de obxectivos en común. Un grupo que ten os seus alicerces en dous homes sabios, e que sobre eles ergue a súa estrutura. Oito persoas que intentan recuperar un instrumento, a requinta, e todo aquilo que o rodeaba, seguindo as indicacións dos que gardan memoria do vivido. ![]() Seis músicos na procura dunha sonoridade que outros dous atesouran. Nas súas mentes. Nos seus dedos. Requintas de antiga forma; gaitas destemperadas; caixa que soa a caixa; un bombo do 29. Unha denominación con selo de orixe. Nome de instrumento e topónimo. Imaxe e semellanza de vellos grupos ulláns. A gaita de San Miguel, A gaita de Vedra... A gaita de Sarandón. Un de Ximonde que vive en Sarandón; un de Sarandón residente na Pedreira; un da Silva de Abaixo, de par do Pazo de Ximonde; e outro de Vilanova, empregado das canteiras; un de San Mamede que estuda en Vigo e un con raíces de San Mamede e residente en... Cacheiras?, Belfast?, Indiana?; un de Santa Comba casado na Baña; e unha da Baña, de onda o famoso aceite. A Ulla non ten límites. Seis e dous... oito? ![]() A familia, veciños e amigos, compañeiros de estudo ou traballo, os amores e parellas. Curas baixo palio e santos de procesión, sancristáns repenicando campás, e fogueteiros coa mecha. Bailadores en campos de terra, ó compás de vellos ritmos. Seis e dous... cantos? Unha mesa no centro. Copas e vasos. Viño e caña. Música e bailes. Risas e contos. Oito amigos facendo cademia. Unha operación de recuperación da memoria histórica. Marcelino, Pepe, Campelo, Raquel, Emilio, Paco, Gerardo, Héctor... ...A gaita de Sarandón |
| Sobor da web... | © A gaita de Sarandón, 2006 | Visitas: 13566 |