O grupo

Historia
Descrición 1
Descrición 2
Membros
Outros
Contacto
Información técnica e promoción
A gaita de Sarandón

O grupo de requinteiros A gaita de Sarandón trata de manter vivo o legado que os seus dous principais compoñentes, Marcelino e Pepe, reteñen por sorte aínda nas súas mentes.

José Alvela Canicoba e Marcelino Brey Vázquez son hoxe en día os dous últimos vellos requinteiros que se manteñen en activo como membros dunha formación musical estable, e ó redor destes dous vellos mestres, reúnense nesta formación outros cinco máis ou menos novos músicos cunha serie de claros obxectivos en común.

Recupera-lo repertorio que ambos interpretaron co grupo A gaita de Vedra, polo que ambos pasaron, un primeiro e o outro despois, así como o que interpretaban cos seus veciños e amigos da aldea de Sarandón, é parte fundamental da finalidade da agrupación. As pezas que lembran son interpretadas polo grupo atendendo ó recordo que eles gardan das mesmas, intentando reproducir coa máxima fidelidade posible aqueles arranxos que eles lembraban como característicos, e indo sempre na procura da sonoridade propia daqueles grupos ulláns que coñeceron e nos que participaron.

A posta en uso e en valor de instrumentos case esquecidos como a requinta ou o charrasco é outro dos obxectivos primordiais desta agrupación, que conta ademais coa grande fortuna de que os que habitualmente tanxen ambos instrumentos son dúas persoas que os empregaron de nenos nun contexto moi diferente ó que hoxe en día se estila. O espírito co que a requinta, o charrasco, as gaitas e a máis variada percusión se empregaban nas cociñas da aldea de Sarandón é o que hoxe o grupo tenta reproducir enriba dos escenarios.

O traballo discográfico que o grupo acaba de sacar ó mercado pretende tamén espallar ese espírito de festa e quere ser un paso máis do grupo na procura dos seus fins comúns.

Pase e vexa.

Sobor da web... © A gaita de Sarandón, 2006 Visitas: 13566